O Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou hoxe ao Pleno do Consello Regulador o Informe de Estimación de Colleita 2024. Dito documento, que recolle a situación do viñedo até a primeira quincena de xullo, estima para este ano unha recollida de “41 millóns de quilos de uvas, o que significa un 7,5% menos que a colleita do ano pasado, e un rendemento máis baixo de produción de 8.871 kg por hectárea”.
Durante o Pleno explicouse que este ano os acios son máis pequenos e que o ciclo vitícola vai algo máis atrasado que o ano pasado debido ao atrado do viñedo polas condicións meteorolóxicas de finais de maio e da primeira quincena de xullo, con temperaturas frías ou moderadas para a época.
En canto á data de inicio da vendima, o informe prevé que se produza ao longo do dez primeiros días de setembro, “dependendo de como se desenvolva o mes de agosto”. Como sinalan desde o Departamento Técnico, o envero comezou a semana do 22 ao 28 de xullo. Na produción prevista para esta campaña inflúe en boa parte o incremento de 134 hectáreas en 2024 e unha taxa de brotación do 92,7%, algo superior ao ano pasado, aínda que o índice de fertilidade foi inferior, con 2,2 acios xema/ brotados. As diminucións atribuídas estímanse nunha media do 16% e producíronse especialmente por corremento de flor e, en menor medida, por pragas e enfermidades, especialmente o mildio larvado.
Dito documento lembra como foi o ciclo vitícola en 2024, con “un inverno moi cálido e húmido; unha primavera cálida e moi húmida, así como un mes de xuño normal e húmido”.
Para a elaboración deste documento, o Departamento Técnico do Consello Regulador baseouse na información proporcionada por técnicos de campo das adegas da Denominación de Orixe, que supervisan o 45% da superficie produtiva. En total realizáronse 43 enquisas a 32 técnicos que asesoran viñedos nas distintas subzonas. Unhas enquisas moi detalladas, unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola, cuxa información foi posteriormente contrastada en campo e #ponderado estatisticamente co fin de unificar criterios.
Na actualidade, este Consello Regulador conta con 177 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe abarca 4.626 hectáreas, aumentando en 134 hectáreas, repartidas entre 23.792 parcelas nas que traballan 5.038 viticultores.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta