PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O vindeiro luns convócanse as axudas para silvopastoreo do programa “O que non arde” da Deputación de Lugo

A deputada Mónica Freire na presentación do programa

A responsabble da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, presentou este venres a cuarta edición do programa “O que non arde”, impulsado polo seu departamento para fomentar o silvopastoreo e reducir os niveis de biomasa nos montes.

A convocatoria, aprobada este venres en Xunta de Goberno, contempla axudas para a instalación e mantemento de peches perimetrais que protexan o gando da fauna salvaxe e faciliten a rotación e manexo en extensivo, financiando a adquisición de pastores eléctricos, valados móbiles de malla electrificada, valados fixos electrificados, así como outros elementos accesorios para o pastoreo como cepos, curros, mangas de manexo, comedeiros e bebedoiros móbiles, tolvas ou refuxios. A convocatoria, que conta cun orzamento de 60.000 euros, diríxese a gandeirías extensivas de cabrún, ovino e porcino.

Mónica Freire explicou que “o silvopastoreo e a gandeiría extensiva compartan múltiples beneficios para os ecosistemas, xa que aproveitan os recursos naturais existentes nos montes para producir alimentos de forma sostíbel e reducen a biomasa, protexendo o territorio contra os incendios”. “ A través deste programa queremos apoiar as gandeirías que aposten neste modelo, colaborando nos gastos que implica a instalación e mantemento dos peches e outros elementos precisos para manexar o gando no monte”.

PUBLICIDADE

O programa contempla axudas entre os 300 e os 2.500 euros. A convocatoria publicarase o luns no Boletín Oficial da Provincia. As persoas ou entidades interesadas disporán 20 días hábiles para solicitar as achegas.

Cuarta edición dun programa pioneiro

“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.

En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes.

Na pasada edición, as axudas extendéronse a gandeirías extensivas de cabrún, ovino e porcino, financiando a instalación e mantemento de peches perimetrais e outros elementos para a rotación e manexo do gando nunha vintena de gandeirías das distintas comarcas, así como o desenvolvemento de programas de fomento do silvopastoreo por parte de asociacións gandeiras.

PUBLICIDADE

Con esa formulación, que se retoma nesta cuarta edición, o programa foi recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación pola oenegué internacional WWF Adena.

Mónica Freire valorou “o traballo realizado ao longo destes catro anos para consolidar o programa e implicar a administracións locais, comunidades de montes, asociacións gandeiras e gandeiros e gandeiras no fomento do silvopastoreo e da gandeiría extensiva, que actúa como barreira contra os lumes forestais e contribúe ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”.

Medio Rural da Deputación destinou un total de 240.000 euros ás sucesivas convocatorias do programa.

PUBLICIDADE
Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *