O proxecto ‘Life in Common Land’ conclúe que as novas formas de manexo destes herbívoros están alterando o seu comportamento natural, cuestión que pode ocasionar un impacto ambiental

Un artigo derivado do proxecto ‘Life in Common Land’, publicado na revista ‘Biodiversity and Conservation’, afirma que os cabalos salvaxes son indispensables para a biodiversidade das montañas galegas. Esta peza, asinada por Laura Lagos e Jaime Fegúndez, investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC, conclúe que os cambios nos sistemas de manexo destes herbívoros “poden limitar o seu efecto positivo sobre a biodiversidade e mesmo podería desembocar nun problema ambiental de gran magnitude”, sinalan os investigadores.
O informe científico destaca que “os espazos abertos das montañas de Galicia están cubertos, en gran parte, por hábitats naturais recoñecidos pola Unión Europea e a súa existencia e pervivencia depende da presencia do cabalo salvaxe”, á vez que destaca o potencial destes animais debido “á súa adaptación para o aproveitamento de brezais e turbeiras”. Laura Lagos e Jaime Fagúndez explican que “a través da dieta, o cabalo salvaxe limita o desenvolvemento da vexetación e favorece que sobrevivan especies de plantas sensibles”.
Entre as novas prácticas que están alternado o comportamento dos grupos de herbívoros están “a construción de peches que limiten en exceso o uso libre do espazo, así como a rotación forzada para intensificar o aproveitamento, ou a transformación da vexetación natural en pradarías de pasto melloradas”, avanzan Lagos e Fegúndez. Isto xera consecuencias como “o maior tamaño dos animais fronte a unha menor ocupación da superficie de campeo, e o desequilibrio na organización espacial das manadas, provocando un solapamento entre elas e aumentando a presión por herbivoría”, destacan.
Este proxecto tivo unha duración de cinco anos, desenvolvéndose no espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, no norte da provincia de Lugo. O traballo tamén presenta datos recollidos no marco do proxecto do Grupo Operativo de Innovación Soluciones innovadoras para a xestión e valorización do sistema tradicional de cabalos salvaxes no monte, que se desenvolveu nos Montes de Sabucedo, en Pontevedra. En total, os científicos marcaron 29 eguas, aproveitando a captura dos animais que realizan os seus propietarios nos curros anuais.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta