As subvencións están destinadas a accións para previr enfermidades das colmeas e actuacións de mellora. Por primeira vez sufrágase a adquisición de métodos de control da vespa velutina. A liña de axudas reparte 1,3 millóns de euros entre 24 particulares e asociacións

Un total de 24 beneficiarios, entre asociacións e particulares, recibirán preto de 1,3 millóns de euros da Xunta para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura ao abeiro das axudas á apicultura, cuxa resolución foi publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A liña de axudas estaba destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado.
No primeiro caso, era subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apicultoras, así como de persoal de administración. Nesa primeira liña de achegas tamén se podía financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións como sistema de divulgación. No relativo á loita contra as enfermidades, incluíanse a adquisición de tratamentos quimioterápicos e outros compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, a alimentación das abellas co fin de mellorar a vitalidade da colmea e de renovar ou purificar a cera e -como novidade deste ano- a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina. Neste caso, sufragando tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes, sistemas de protección mediante redes, etc.
Na liña da transhumancia, a axuda debía ir destinada á adquisición, conservación e mellora dos medios de transporte, para sistemas de protección ou vixilancia antirroubo, para a mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas, e para a subscrición de seguros de responsabilidade civil das colmeas. Canto ás medidas de apoio aos laboratorios, contemplábase a contratación de servizos de análise do mel e dos produtos apícolas. No que respecta ás medidas de apoio á repoboación estaban enfocadas, fundamentalmente, á cría e adquisición de raíñas. Por último, a liña de seguimento de mercado foi pensada para a realización de estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas ou sobre novas formas para presentalos.
A convocatoria destas axudas fíxose en réxime de concorrencia competitiva. Así, deuse prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións, a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. Tamén se valorou que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estivesen en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta