PUBLICIDADE
Logotipo
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Convocaranse novas agroambientais no 2022 e auméntase a prima de Zonas con Limitacións Naturais

O comité de seguemento do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 perfila a proposta de prórroga do programa para os anos 2021 – 2022. A comunidade conta con 343,1 millóns de euros para ambos anos, así como con 76,9 millóns adicionais do Instrumento de Recuperación da UE

Sega en prados de montaña dos Ancares, unha das zonas que se pode beneficiar dos novos apoios. / Imaxe: David López (Arquivo).

O Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2014-2020 contará con 343,1 millóns de euros para a prórroga dos anos 2021 e 2022, á espera de que se poña en marcha o novo ciclo da PAC no 2023. A eses cartos hai que sumar 76,9 millóns de euros adicionais procedentes do Instrumento de Recuperación (Euri) posto en marcha pola UE a raíz da Covid-19. Son en total 420 millóns de euros para os que xa se perfilou un destino.

O comité de seguemento do PDR de Galicia reuniuse onte para pechar a proposta de execución dos novos fondos, unha proposta que agora deberá ser revisada e validada por Bruxelas. Unha das principais novidades é que cos fondos do Instrumento de Recuperación, a Xunta propón convocar novas axudas agroambientais no 2022, para o que destinará 16,4 millóns de euros.

As axudas agroambientais, que tiveron a súa última convocatoria no 2016, serán agora por un periodo dun ano, susceptible a prórrogas. Galicia tamén está á espera de ver como quedan os ecoesquemas da nova PAC en España, que se pecharán previsiblemente esta primavera e entrarán en vigor no 2023, pois pode haber ecoesquemas que se solapen coas axudas agroambientais e que obriguen a facer cambios nas mesmas a partir do 2023.

PUBLICIDADE

Outro dos destinos do Instrumento de Recuperación no 2022 será a prima para Zonas con Limitacións Naturais e de Montaña (ZLN), que se financiará integramente cos fondos aportados pola UE para a Covid-19. Destinaranse ás ZLN no 2022 un total de 12,7 millóns de euros, segundo a proposta que a Xunta lle trasladará a Bruxelas.

A maiores, en relación ó 2021, subirase a coantía de prima por hectárea para Zonas con Limitacións Naturais e de Montaña, de xeito que os gandeiros reciban maiores compensacións. Esta era unha demanda que xa se planteara no 2019 por parte de Unións Agrarias, polo que a organización felicítase da decisión adoptada de subir a prima para o 2022.

De cara a este ano, Unións solicitou na reunión de onte do comité que se volvan a poñer en marcha axudas extraordinarias para a gandería de carne, dado que a crise da Covid segue afectando ós prezos e á demanda. A organización argumenta que polo de agora mantéñense restriccións de turismo, festas e restauración que fan precisos novos apoios. É unha cuestión que quedou sobre a mesa, á espera de ver a evolución das próximas semanas.

Agricultura ecolóxica e investimentos nas granxas
Xunto cos fondos comprometidos para axudas agroambientais e para Zonas con Limitacións Naturais, o Instrumento de Recuperación (Euri) conta con outros 47 millóns de euros que se destinarán a reforzar as tradicionais liñas do PDR, fundamentalmente a instalación de novos agricultores, o apoio á industria agroalimentaria e as axudas para plans de mellora e compra de maquinaria en réxime asociativo.

PUBLICIDADE

Tamén se anuncia unha nova convocatoria de axudas de agricultura ecolóxica para o 2022, tanto para os produtores que xa están en ecolóxico como para aqueles que queiran facer a transición da produción convencional á ecolóxica. Outra liña menor destinarase a apoiar o asesoramento ás explotacións.

Ver todas as noticias de desenvolvemento rural

Publicacións relacionadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *