
Representantes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) veñen de reunirse cos seus homólogos dos centros de investigación públicos SERIDA asturiano e do CIFA cántabro, así como con membros do Centro Tecnolóxico da Carne, para avanzar no desenvolvemento dun proxecto que busca fomentar o pastoreo na montaña como medio para anticiparse aos incendios forestais e mellorar a produtividade animal.
O encontro, que tivo lugar no centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), concluíu cunha visita á Estación Experimental Agrogandeira de Montaña do Marco da Curra, onde se están a levar a cabo iniciativas con distintos animais.
En concreto, este proxecto de ámbito nacional ten como obxectivo integrar e mellorar o coñecemento científico e técnico de aspectos relacionados coa xestión dos pastos na montaña cantábrica e galega. Así, non só se persegue previr os lumes forestais e contribuír á produción animal, senón tamén traballar na mellora do solo, incrementar a biodiversidade e impulsar a gandaría en extensivo.
A idea é implicar tanto aos propietarios das terras como aos xestores e gandeiros, aos que se lles ofrecerán ferramentas para que escollan a opción de pastoreo máis axeitada en cada caso, tendo en conta as condicións do terreo ou os obxectivos de produción, así como factores ambientais.
A maiores, o CIAM participa xunto co Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (SERIDA) de Asturias e o Centro de Investigación e Formacións Agrarias (CIFA) de Cantabria nun proxecto liderado por unha empresa de base tecnolóxica na Universidade de Alcalá que busca mellorar o manexo do gando en extensivo e a xestión dos pasteiros mediante unha ferramenta de seguimento. Así, por unha banda, pódese comprobar o estado dos pastos, e por outra, detectar por onde pastan os animais.
Deste xeito, perséguese poñer a disposición do sector unha ferramenta operativa que cumpra coas necesidades dos técnicos, gandeiros e xestores para posibilitar unha adecuada toma de decisións na organización dos montes e no manexo do gando. Todo para lograr unha xestión axeitada dos pastos diminuíndo os custos de produción e deixando patente o beneficio medioambiental que pode proporcionar a gandaría en extensivo.

Visita á Estación Experimental Agrogandeira de Montaña do Marco da Curra
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta