As cotizacións no campo en España tocaron teito en novembro e suman dous meses en leve descenso. En Europa, mantéñense os prezos, cun comportamento desigual por países

Os prezos do leite en España semellan ter tocado teito en novembro, cando se chegou a unha media de 34 céntimos por litro. Desde aquela, suman dous meses con leves descensos, ata os 33,6 céntimos de xaneiro, segundo os datos que vén de facer públicos o Fondo Español de Garantía Agraria. Galicia, pola súa parte, continúa de pechacancelas a nivel de prezos, con 32,6 céntimos (-0,1 en relación a novembro).
Entre as comunidades veciñas, Asturias sitúase en 35,6 céntimos, Castilla y León en 33,8 e Cantabria, que tradicionalmente presenta prezos similares a Galicia, en 33,2 céntimos. Como é habitual, as granxas galegas son líderes en calidades a nivel estatal, sendo as primeiras en graxa (3,92 polos 3,81 de media en España) e situándose case na media en proteína (3,33 polos 3,34 de media en España).
A nivel europeo, os prezos medios mantivéronse os últimos tres meses sen a penas cambios (35,59 en novembro e 35,56 de prezo medio previsto para xaneiro, segundo o Observatorio do Mercado Lácteo da UE). Por países, o comportamento é desigual. En tanto en Alemania a estabilidade é total, en Francia e Holanda rexistráronse baixadas de arredor dun céntimo nos últimos dous meses, quedando o prezo medio en 36,42 en Francia e en 35,75 en Holanda.
En canto ós datos de entregas, España pechou xaneiro cunha produción un 3,7% superior á de xaneiro do pasado ano. É unha produción superior tamén á de xaneiro do 2018, que era a anterior marca de entregas dun mes de xaneiro.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta