Medio Rural ultima un rexistro público e unha regulación desta figura de propiedade, habitual na zona oriental de Lugo e tamén presente no resto de Galicia

Os montes de varas, unha figura de propiedade característica das comarcas da Fonsagrada e Ancares, regularanse nos próximos meses, segundo as previsións que manexa a Xunta. O obxectivo é poñer en marcha un rexistro público e avanzar na constitución e posta en funcionamento dos montes de varas, que abarcan alomenos 7.800 hectáreas na comunidade.
A Administración ten identificados 27 montes de varas, dos que a gran maioría, 21, están nas comarcas da Fonsagrada e Ancares, pero non descarta que aparezan novos montes de varas en toda Galicia unha vez se cree o rexistro público. A parte da zona oriental de Lugo, Medio Rural ten constancia doutros tres montes de varas na provincia (2 na Terra Cha e 1 na Mariña lucense), así coma doutro no Barbanza (A Coruña), e doutros 2 na provincia de Ourense (A Limia e Miño-Arnoia).
O funcionamento dos montes varas sitúase a medio camiño entre o monte veciñal e a propiedade particular. O terreo é considerado un proindiviso común sobre o que os veciños propietarios adoitaban facer un reparto de porcións individuais de monte para o seu aproveitamento particular. Esa participación no monte de varas é posible mercala ou transmitila por herdanza. Dáse ademais a circunstancia de que a participación no monte adoita ser desigual entre as distintas casas do lugar.
Desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar nunha normativa que regule os montes de varas. A cuestión foi tamén levada polo grupo popular á comisión de Agricultura do Parlamento, onde tódolos grupos coincidiron en que era positiva a regulación. Desde o Bloque, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ sinalou que consideraba preciso buscar fórmulas de xestión en común dos montes de varas para superar o minifundismo.
Situación actual
En alomenos dous montes de varas, na Fonsagrada e en Becerreá, xa se están impulsando Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) para o seu aproveitamento en conxunto, unha opción que podería ser extensible a máis montes. Boa parte dos montes de varas permanecían ata agora sen constituír e cunha xestión en precario.
Nos Ancares, David López, técnico da cooperativa A Carqueixa, está apoiando a constitución de varios montes de varas coa figura provisional de asociacións sen ánimo de lucro. “A cuestión básica é que os montes de varas teñan unha xunta xestora que poida chegar a acordos, por exemplo para o aluguer de pastos, e que poida solicitar subvencións para a xestión do monte” -explica David-. “Non estamos falando de montes produtores, senón de montes que na maioría dos casos teñen unha función protectora do medio”, precisa.
De Heus Nutrición Animal lanza Dairy Compass, unha solución tecnolóxica avanzada que analiza e monitoriza, en tempo real, os datos clave das…
Deixa unha resposta